¿Porqué o SIT?

O SIT e unha plataforma tecnolóxica que proporciona apoio científico e tecnolóxico á USC e resto de sociedade, no manexo de información relacionada co territorio ou cunha compoñente xeoespacial. Entre outras moitas funcións é distribuidor autorizado de licencias CAMPUS para a USC de Erdas, Autocad, MicroStation, Geomedia ou Idrisi, entre outros.

Como parte da súa estratexia de apoio e ampliación de capacidades tecnolóxicas da sociedade, imparte dende fai anos cursos de formación técnica en distintos campos e áreas temáticas relacionadas cos Sistemas de Información Xeográfica (SIX), a teledetección, sensores remotos (LiDAR, láser escáner terrestre, microdrone, fotogrametría...), etc.

Así leva máis de tres anos impartindo regularmente cursos de formación á comunidade universitaria, xunto con outros a medida orientados a:

  • Colexios profesionais
  • Empresas
  • Administracións públicas

Polos nosos cursos presenciais pasaron enxeñeiros de practicamente tódalas disciplinas: licenciados en arte, empresariais, ciencias mariñas, biólogos, historiadores, químicos, farmacéuticos, sociólogos, veterinarios, médicos, arqueólogos, informáticos, etc. Polo tanto si algo temos presente é que o perfil da persoa que busca aprender SIX é moi dispar e con esta máxima, os nosos cursos buscan unha atención personalizada, adaptada ós coñecementos e necesidades de cada alumno. De aí que as convocatorias sexan moi reducidas, con un máximo de 10 alumnos por quenda.

Precisamente para atender ese amplo espectro de requirimentos, dispoñemos para ti de tres opcións de formación:

  • Inscribirte nun curso regular do SIT.
  • Facer unha convocatoria propia de curso regular, para o que se esixe un mínimo de 5 alumnos. O calendario e horario acórdase co SIT.
  • Facer o teu curso a medida no que podes decidir temario, horarios, duración, etc.

Voltar ó Índice