O Sistema de Información Territorial celebra o GISDAY con 5 conferencias bilaterais Ecuador – España

O Sistema de Información Territorial (SIT) quere dar as grazas a todos os que fixeron posible a xornada do GISDAY, celebrada o pasado mércores 19 de novembro. En primeiro lugar, agradecer o esforzo de tódolos que colaboraron na súa organización ou contribuíron con contidos, e en segundo lugar a tódolos visitantes que acudiron como público ás dúas salas habilitadas para seguir as xornadas, no Edif. CACTUS do Campus de Lugo e no IERSE da Univ. del Azuay (Cuenca, Ecuador)..

Durante as tres horas que durou o encontro, intercambiáronse experiencias e coñecemento a través de cinco videoconferencias bilaterais Ecuador­-España. Ademais aproveitando a celebración do GIS day, quíxose acercar as tecnoloxías da información xeográfica ós alumnos de ambas institucións, mostrándolles a súa grande versatilidade a través de algúns exemplos prácticos.

Nas primeiras intervencións púxéronse sobre a mesa as importantes vantaxes e capacidades que teñen plataformas tecnolóxicas como o Sistema de Información Territorial (SIT) da USC ou a Infraestructura de Datos Espaciales da Univ. del Azuay (IDE-UDA),
altamente especializadas na xeración, xestión e análise da información xeográfica. Ámbalas dúas nacen co obxectivo de optimizar recursos e alimentar as liñas de traballo e investigación das propias universidades. Sen embargo a súa principal propiedade é a vocación de servizo de cara ó resto da sociedade, poñendo á súa disposición os seus datos, coñecemento e equipo técnico e humano.

As seguintes charlas orientáronse cara a difusión dos principais proxectos levados a cabo polos participantes, coma as aplicacións do láser escáner, drone e xeorradar por parte do SIT, ou as liñas de investigación en xeomática da UDA e IERSE, coma os proxectos de distribución de contaminación atmosférica ou ruido na interface urbana de Cuenca.

A xornada pechouse conha última conferencia sobre a rede RIGTIG, da que forman parte varias institucións e universidades ecuatorianas, a Universidade da Coruña e a de Santiago de Compostela, que participa a través do Laboratorio do Territorio (LaboraTe). A súa misión é establecer un foro común colaborativo onde sumar esforzos para avanzar na xestión territorial, a través da investigación, docencia e innovacióntecnolóxica na área da Xeomática e do Territorio.

O formato desta experiencia segue a estela dos novos sistemas de comunicación e docencia postos en marcha polo SIT e o LaboraTe, e que acercan o coñecemento e experiencia a todos aqueles que queiran participar, dando opción tamén ós que non poden asistir de forma presencial ás súas actividades. A súa Plataforma de videoconferencias e cursos telepresenciais da cabida actualmente á docencia do Master en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio, cuios alumnos asisten de forma presencial ou virtual á clase, e tamén ós seminarios de formación do proxecto internacional ECUIDTi.



Otras novas relacionadas: