O SIT imparte un taller práctico no curso de verán “Qué facer coa terra que temos? Desafíos da propiedade e uso da terra en Galiza”

O curso tivo lugar entre o 1 e o 4 de setembro en Lugo e combinou conferencias e sesións expositivas con talleres máis aplicados.

Despois das prácticas de construción de escenarios futuros e alternativas e instrumentos de xestión de terras, o SIT clausurou o día 3 de setembro estas sesións cun taller de “Uso práctico de diferentes plataformas e fontes de información”.

Tomando o relevo dos dous exercicios anteriores, e tendo presentes os seus resultados, os asistentes comezaron por elaborar unha listaxe de información xeográfica relevante. O obxectivo foi identificar datos xeográficos imprescindibles para apoiar a implementación dos instrumentos de xestión discutidos ou para definir, cuantificar e/ou cualificar os escenarios sobre os que traballaron. A continuación, con estas necesidades en mente, exploráronse os principais repositorios de información xeográfica, prestanto especial atención ás distintas modalidades de acceso ou aspectos legais como os dereitos de uso ou a propiedade dos datos. Na mesma liña, plataformas como os programas de SIX ou Google Earth serviron de complemento ós alumnos para explorar distintos formatos ou acceder a servizos web de cartografía.

O taller rematou poñendo sobre a mesa as posibilidades que a neocartografía ou cartografía colaborativa ofrece hoxe en día, sacando proveito da participación pública para xerar e/ou distribuir datos xeográficos. Os distintos proxectos vistos deixaron patente que este tipo de experiencias son unha alternativa excelente para satisfacer o forte incremento na demanda de información xeográfica que hoxe en día existe por parte da sociedade, e que non pode ser satisfeita na súa totalidade polos organismos públicos.

Máis información:

Noticia